Mostrando entradas con la etiqueta gallego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta gallego. Mostrar todas las entradas

domingo, 13 de noviembre de 2011

Por que os vigueses miramos sempre e nunca vemos

Os vigueses confundimos os verbos ver e mirar ou, mellor dito, usamos sempre mirar: tanto para “percibir coa vista” como para “fixar a vista”. Os vigueses miramos sempre e nunca vemos. Así, en Vigo e os seus derredores é habitual escoitar frases coma “onte mireite na rúa”, no canto de “onte vinte na rúa”, que a un forasteiro lle soan necesariamente extrañas.

De onde vén esta confusión? Cal é a orixe deste uso tan particular? Os expertos terán, seguramente, as súas explicacións, mais a min gústame pensar que o berce de todo está no Monte do Castro, no primeiro poboamento no que os vigueses se agruparon. Dende aí, dende esa altura, vían todos os días esa marabilla que é a ría de Vigo. Víana un día si e outro tamén. Víana sempre, arreo, cando traballaban e cando folgaban, cando comían e cando xaxuaban. Víana porque non tiñan outro remedio. Se hai algo que se ve dende o Monte do Castro é a ría de Vigo (xa sabemos que os turistas suben aí para obteren as mellores vistas da ría). Víana, mais non a miraban. Ata que un día a miraron. E, claro, namoráronse dela. E baixaron do monte e estabelecéronse no Berbés, á súa beira, para sentiren os bicos das súas ondas, os aloumiños da súa escuma. Aí crearon esa aldeíña de mariñeiros que foi sempre o Berbés, ata que os recheos lle mudaron a faciana. Os vigueses sempre viron a súa ría, mais ata que non a miraron non foron ao seu encontro. Aí comezou unha historia de amor(-odio) que chega ata hoxe: a dos vigueses coa súa ría. A que lles fai (a que nos fai) mirar cando outros ven.

U-lo ‘glamour’? Foise co vento?

(Da xordeira de Imanol Arias, a perdas de ouriños de Concha Velasco e os problemas de tránsito intestinal de José Coronado)

Nos últimos tempos soubemos que José Coronado sofre problemas de tránsito intestinal, Concha Velasco ten perdas de ouriños (seica leves) e Imanol Arias ouve máis ben pouco.

Os tres actores fixeron cadanseu spot anunciando un produto para combater a disfunción que padecen.

Que necesidade tiña Imanol Arias de que toda España saiba que está medio xordo?Que necesidade tiña José Coronado de que todos os españois saibamos que pasa tres días enteiros sen ir ao baño? Que necesidade tiña Concha Velasco de que todo o país saiba que, pola contra, ten que mexar cada cinco minutos?

Hai unha cousa inherente ao traballo do actor e da actriz que se chama glamour. Mais que glamour pode ter un actor do que sabemos que está máis xordo ca unha parede? Que glamour poder ter un actor do que sabemos que precisa unha lavativa todos os días? Que glamour poder ter unha actriz da que sabemos que ten que levar coiros no canto de cambiar os dos seus netos.

Algúns diranme que é unha necesidade de cartos, que Gaes, Indasec e Danone páganlles moito diñeiro a Imanol Arias, José Coronado e Concha Velasco por faceren cadanseu anuncio. Mais insisto: é o glamour? Non vale máis ca todos eses cartos? Amais, o diñeiro pode recuperarse, mais o glamour non. Xa nunca volveremos mirar estes tres actores do mesmo xeito. Xa sempre levantarémoslle a voz a Imanol Arias, miraremos con cara de mágoa a José Coronado e indicarémoslle onde está o baño a Concha Velasco, no canto de lles pedir un autógrafo.

U-lo glamour? Foise co vento? Seica.

martes, 8 de noviembre de 2011

O ceo pode esperar (non si?)

Adaptación para teatro radiofónico dun relato en portugués co que gañei o Concurso de relatos do Departamento de Portugués da Escola de Idiomas de Vigo en 2005. Ía presentalo a un concurso de teatro radiofónico da Radio Galega, pero ao final se me pasou o prazo. Unha mágoa.


(Campás dobrando a morto).

NARRADOR: O Eduardo Duarte fora sempre un santo varón, mais santo ca varón, segundo se laiaba a súa dona. Por iso, cando morreu, a ninguén lle sorprendeu que fose directo ao Ceo. Eduardo chegou aló cunha maleta pequerrechiña, coma todos, porque hoxe en día, con esta crise económica que nos abafa, nin os reis son soterrados con tesouros. Cando pensaba que se perdera, porque levaba tempo a dar voltas sen dar saído do famoso túnel que percorren os mortos, de súpeto viu un home con un gran chaveiro cheo de chaves e pensou: “Ou é San Pedro ou é un sereno, mais como serenos xa non hai, ten que ser San Pedro”. E achegouse a el.

EDUARDO: É isto o Ceo?

SAN PEDRO: É.

EDUARDO: E vostede é San Pedro, non si?

SAN PEDRO: Son. E ti quen ves sendo? Que me queres?

EDUARDO: Son Eduardo Duarte e quero pasar. Acabo de morrer…

SAN PEDRO: Amodo, amigo. Tenho que ver se estás na lista.

EDUARDO: Que lista?

SAN PEDRO: Que lista ha ser! A lista! A lista dos alugueiros do Ceo! Como dixeches que te chamas?

EDUARDO: Eduardo, Eduardo Duarte.

SAN PEDRO: Eduardo Duarte... Déixame ver... Si, aquí estás. Amósame o teu carné de identidade, por favor.

EDUARDO: Como?

SAN PEDRO: O teu DNI, por favor.

EDUARDO: Non o teño. Soterráronme sen el…

SAN PEDRO: Será posíbel? Estou farto de lles dicir que vos soterren co DNI! Logo non hai xeito de saber se sodes quen dicides ser!

EDUARDO: Pregúntelle a Deus. El sabe todo. Coñece a todos. Tenme que coñecer...

SAN PEDRO: O que ten son cousas máis importantes que facer. Tedes que traer o DNI. Téñoo dito mil veces.

EDUARDO: Entón, paso ou non?

SAN PEDRO: Pasa, anda, pasa, pero que sexa a última vez.

EDUARDO: Non se preocupe, non coido que volva morrer.

NARRADOR: Eduardo entrou no ceo e de contado escoitou unha música que lle semellou agradábel. Axiña recoñeceu unha arpa (música de arpa).

EDUARDO: Daquela é certo que no Ceo hai música de arpa...

SAN PEDRO: Haina agora, dende que morreu Chico Marx. Deus sempre gozou moito coas súas tolerías e por iso permítelle tocar a arpa.

EDUARDO: E Groucho tamén está aquí?

SAN PEDRO: Si. O único Marx que non está é Carlos. Un non pode dicir que a relixión é o opio do pobo e pretender asemade que Deus lle reserve unha suite no seu reino.

EDUARDO: Claro, claro. Eu son de dereitas, eh?

NARRADOR: O Ceo era fabuloso, mesmo mellor do que Eduardo imaxinara: o fío musical de arpa (soa un arpa), as viaxes en anxo (soa un reactor), as paisaxes... E un podía falar con persoeiros coma Shakespeare, Leonardo ou Felipe II aínda sen saber idiomas, pois había un servizo de tradución simultánea moi bo. Eduardo utilizárao para falar con Beethoven, cuxas sinfonías adoraba (soa a Novena Sinfonía), mais a lendaria xordeira do famoso músico facía van calquera intento de diálogo con el. Beethoven non entendía como Deus escollera a Harpo para o fío musical do Ceo no canto de a el. “A xordeira volveuche agre e a min gústame a xente leda coma Harpo”, respostoulle Deus.

Ademais de supersónicos, os anxos eran moi simpáticos. Na Terra, Eduardo tratara co seu anxo da garda, que o salvara unha vez de morrer afogado, mais agora tiña a posibilidade de coñecer moitos outros e moi importantes, coma o arcanxo San Gabriel.

Si, todo era perfecto no Ceo. Todo menos unha cousa: a altura. O Ceo estaba alto, moi alto, mesmo alto de máis, e Eduardo tiña –sempre tivera– vertixe. Tanto que decidiu ir ver a Deus para lle pedir unha solución. Cando entrou no seu despacho, escoitou música rock e ficou abraiado (soa ‘Simpathy for the Devil’, dos Rolling Stones).

EDUARDO: Rock aquí, Señor?

DEUS: Si. Crías que ía ter a insufríbel música de Harpo? Unha cousa é que me faga rir, e por iso lle permita tocar a arpa, e outra que o tenha que aturar ata no meu curruncho. Eu adoro o rock. De feito, todos os grandes rockeiros que xa morreron están aquí: Elvis (soa ‘Jailhouse Rock’), Hendrix (soa ‘All over the Watchover’), Morrison (soa ‘Light my Fire’)...

EDUARDO: Lennon tamén?

DEUS: Non, Lennon non. Un non non pode dicir que os Beatles son máis famosos ca Xesucristo e pretender logo que lle reserve unha suite no meu reino.

EDUARDO: Por suposto, Señor. Lennon era un falabarato. E Harpo xa cansa un pouquiño. Onde estea un rockeiro que se saque calquera arpista. Sabe? Eu, de novo, levaba un peite no peto do pantalón, coma Elvis.

DEUS: Non me fagas as beiras, Eduardo. Que te trae por aquí?

EDUARDO: Un anxo (soa un reactor). Xa sabe que adoro as viaxes en anxo...

DEUS: Tampouco che fagas o gracioso. Que me queres?

EDUARDO: O Ceo é precioso, Señor, mais está moi alto, mesmo de máis, e eu teño vertixe, unha vertixe terríbel.

DEUS: E?

EDUARDO: Se cadra, podería pasar unha tempadiña no Purgatorio. Como está a medio camiño entre o Ceo e a Terra, cecais serviríame para me aclimatar a esta altura amodiño.

DEUS: Ti es tonto, Eduardo. Na terra, a forza de bo, xa mo parecías, mais agora fica claro. É como se Cristiano Ronaldo escollese xogar no Xefafe no canto de no Real Madrid.

NARRADOR: Deus permitiulle a Eduardo ir ao Purgatorio. Dúas semanas despois, Eduardo cría estar preparado para voltar ao Ceo, mais se atopou cunha situación inesperada: por primeira vez na súa historia, no Ceo había un serio problema de superpoboación e non collía un alma máis. Por iso, os últimos espíritos chegados dende o Purgatorio, incluido Eduardo, tiveron que volver aló temporalmente, ata que Deus atopase unha solución. Eduardo aburríase moito no Purgatorio porque non tiña nada que purgar, mais, como a ociosidade é a nai de todos os vicios, non tardou en comezar a pecar contra a meirande parte dos mandamentos, nomeadamente contra o sexto, ao que se afeccionou moito, se cadra, porque na terra sempre se reprimira neste senso.

RAPARIGA: Don Eduardo, está vostede a tocarme o cu?

EDUARDO: Non, meniña, no. Só estaba a comprobar se tes pel de laranxa ou de melocotón.

RAPARIGA: E que teño?

EDUARDO: O que tes é un cu que dá xenio tocalo.

NARRADOR: Deus engadiu ao Ceo unhas nubes acaroadas que ao principio desbotara por seren demasiado húmidas, e o problema de superpoboación solucionouse. As almas do Purgatorio voltaron, mais non Eduardo. San Pedro pechoulle o paso. “Xa non es digno de estar aquí”, dixolle mentres riscaba o seu nome da lista dos alugueiros do Ceo. Eduardo protestou e pediu falar con Deus, mais non foi escoitado. Estaba xa máis preto do Inferno que do Ceo.

E, efectivamente, non tardou en ser enviado ao Inferno. O demo, que o coñecía ben, atopouno ao carón da porta, sen se atrever a cruzar o limiar, coa súa maletiña e unha cara de medo que non podía agochar. Eduardo asomouse e viu que o Inferno era tal coma o imaxinara: caldeiras, burgas, saunas finlandesas, bater de dentes...

DEMO: Home, Eduardo, que te trae por aquí?

EDUARDO: Un elevador (soa un elevador).

Semellaba que Eduardo non perdera o seu senso do humor, mais en realidade estaba a facer un esforzo por non dar renda solta ao seu pánico. O demo non deixou pasar a oportunidade de facer leña da árbore caída.

DEMO: Ti que eras tan riquiño, tan beato, tan santurrón...

EDUARDO: Só estou de paso…

DEMO: De paso, si, mais vas dar uns pasiños tan pequerrechos, tan pequerrechos, que che vai levar unha eternidade percorrer isto.

NARRADOR: E hoxe, moito tempo despois, Eduardo continúa a percorrer un Inferno no que xa non sinte vertixe, mais si mareos e afogos, porque el –lémbrase agora– nunca puido aturar a calor. Mais quen se atreve a dicirlle ao demo que lle deixe pasar unha tempadiña no Purgatorio para se aclimatar á calor amodiño? El, dende logo, non. Ou si?

DEMO: Home, Eduardo, que te trae por aquí?

EDUARDO: Un anxo caído (soa un reactor). Xa sabe que adoro as viaxes en anxos caídos...

DEMO: Non che fagas o gracioso. Que me queres?

EDUARDO: O Inferno é precioso, mais vai moita calor, mesmo de máis, e afógome.

DEMO: E?

EDUARDO: Se cadra, podería pasar unha tempadiña no Purgatorio. Como está a medio camiño entre o Inferno e a Terra, cecais me serviría para me aclimatar a esta altura amodiño.

DEMO: Ah, Eduardo, quen dixo que ti eras tonto? Ti es listo de máis!!

sábado, 5 de noviembre de 2011

Lembranzas de infancia e mocidade

O nacemento

Cando nacín, preguntei polo prestixio da clínica e do xinecólogo. Vin cun pan debaixo do brazo e inquerín: "¿Que fago con isto? ¿Ráioo ou preparo uns bocadillos?''. "Imos cos bocatas'", escoitei. Foi o meu primeiro picnic. Pariume meu pai. Compartía con miña nai tódalas tarefas domésticas e, ademais, facía a ximnasia prenatal mellor ca ela. O médico díxolle a mamá: ``Señora, non se ofenda, pero coido que o seu home fará un traballo mellor''. Ao verme, meu pai exclamou: "É un neno!'' e miña nai espetoulle: "Que querías, que nacese xa vello?''.

Un neno baixiño

Na casa non me agardaban, sobre todo para xantar. Cando se repuxo do parto, papá dixo: "Non podemos alimentar outra boca''. E dábanme de comer por vía intravenosa. Este particular xeito de dixerir fixo de min un neno gordiño, pero moi baixo, tanto que meus pais se puxeron nerviosos. Tentarono todo para que dese un estirón: ameazáronme ("como non medres, vouche pór só soro fisiolóxico", bramaba meu pai), probaron a subornarme ("os martes déixote comer medio chourizo'', prometíame miña nai), pero nada deu resultado. Finalmente, colocáronme nun circo ao que lle medraban os ananos, pero nin por esas. Un filósofo amigo de papá propúxolles que puxesen os medios para que medrase por dentro na esperanza de que ese medramento interior revertese noutro externo. Tíñanme todo o día pechado no meu cuarto lendo filosofía, escoitando música clásica e rezando. Efectivamente, medrei por dentro (terían que ver os meus intestinos), pero por fóra nada.

Na escola

Na escola, os compañeiros metíanse comigo. O mellor que me chamaban era "tapón". "Son fillo único da túa nai'', dicíame un, ignorante de que me parira meu pai. Facíanme a vida imposible, tanto que eu musitaba: "Que morro porque non morro''. E confundíanme con Santa Teresa de Xesús. Menos mal que había un sensato, que explicaba: "Que non é a santa. Non vedes que non ten o brazo incorrupto?''.

Na casa

Na casa, as cousas eran distintas. Con meus pais tiña unha boa relación. Papá deume un gran exemplo. Nunca o vin fumar. Nunca o vin beber. Nunca o vin cunha muller que non fose miña nai. Nunca o vin... Nunca o vin. Esa é a verdade. Mamá nunca fixo nada do que eu puidese avergoarme. En realidade, nunca fixo nada. Nin sequera me pariu. Xa o dixen. Meus irmáns queríanme con loucura. Esnaquizábanme os xoguetes, si, pero os que menos me gustaban e máis baratos eran. Pegábanme, si, pero onde non doe e sempre coa man aberta. Dábanme unha malleira, en fin, pero tendo coidado de non matarme. Claro que eu era un neno modelo. Desfilaba polo corredor con roupa de Verino.

Na Universidade

Ao pouco de ingresar na Universidade, conseguín entrar no equipo de fútbol da Facultade. Soñaba con ser o capitán, pero tiven que conformarme con ser a mascota. Gañamos tres ligas. As vitorias chegaron, en boa medida, grazas ao meu concurso: farteime a ladrar dende o banco.

O amor (ah, o amor!)

Na Universidade namoreime dunha rapaza que non me facía ningún caso. Non se me ocorreu outra cousa que ameazala: "Ando tolo por ti e ignórasme por completo. Terei que tomar medidas'', advertinlle. "Non te molestes: 90-60-90'', replicou. Decidín entón facerme o encontradizo con tan mala fortuna que sempre chocabamos. Á sétima vez, a situación virou insostible, non porque ela se mosquease, senón porque eu tiña rotos un brazo, unha perna e tres costelas. Así as cousas, optei, coa axuda de dúas muletas, por dar un rodeo e interrogar unha amiga súa. "Algunha vez falará de min, aínda que sexa mal'', deixei caer tentando non caer eu. "Non, limítase a facer budú cunha fotografía túa'', respostou.


No barrio coñecín outra femia que me facía tolón. Si, tolón, non tilín; era unha vaca. Despois dese arrebato de zoofilia, perdín a cabeza por unha monxa, o que me produciu numerosos conflitos písquicos, non porque ela fose unha muller consagrada a Deus, senón porque me facía chamarlle "nai'' e eu sentíame presa do conflito de Edipo. Menos mal que non me facía chamarlle "nai superiora", porque senón tivera tamén conflito de inferioridade.


Máis tarde tiven unha moza que se chamaba Adelita. Bo, chamábase Adela, pero eu chamáballe Adelita porque era miúda e tíñalle un grande agarimo. Saiamos por aí e eu preguntáballe: "Que queres que fagamos? Queres que vaiamos ao cine?''. "Non'', respondía ela. E eu: "Queres que tomemos un xeado?''. E ela: "Non''. E eu: "Queres que...?''. E ela: "Non''. E eu veña preguntar. E ela veña dicir que non. Ata que, claro, cansaba de tantas preguntas e partíame a cara. E o corazón.

Relato presentado al concurso de relatos humorísticos del Museo de Humor de Fene en 1997

Gabanza do pallaso. O máis humano dos seres humanos

Un coche adianta un taxi cunha manobra perigosa. O taxista vólvese ao viaxeiro que leva atrás e dille: “Será papahostias o tío... Será pallaso... Viu vostede o pallaso que é o tío? O viaxeiro respóndelle: “Vostede veme a min facer trapalladas semellantes? A resposta confunde o taxista. “Eu son pallaso profesional e non fago ningunha cousa desas”, remata o viaxeiro, que non é outro que Joaquín León, Quin, o benxamín do trío de irmáns pallasos Pepín León.


“España é o único país do mundo no que a palabra pallaso úsase despectivamente. Xa estou afeito a que se chame pallaso a todo o mundo que fai unha trapallada”, explicábame resignado Quin nunha entrevista que lle realicei hai algúns anos por mor da chegada do Circo Olimpia a Vigo. A palabra pallaso converteuse, efectivamente, nun auténtico insulto, nun dos termos máis utilizados para descualificar e denigrar os demais: “Pallaso! Es un pallaso!”.


Recordo que cando era só un adolescente, un día na escola o profesor preguntounos que profesión nos parecía a máis necesaria para a sociedade. Médico, enxeñeiro, arquitecto, avogado... Case todos dixemos unha destas catro, pero un compañeiro respondeu: “Pallaso”. O profesor gabou a súa resposta e eu díxenme: “Pallaso, claro. Pois non necesita pouco o mundo que lle fagan rir, que lle acheguen un pouco de ledicia...”. E de poesía, diría hoxe, porque o pallaso desborda poesía tamén.


O pallaso non é, efectivamente, ese tipo de persoa que se descualifica cos seus actos e á que se refiren os que utilizan despectivamente unha palabra tan fermosa. Non, o pallaso non é ese tipo de persoa, senón todo o contrario: “O pallaso non é un personaxe, senón unha persoa; o máis humano dos seres humanos”, di Alex Navarro, pallaso el mesmo (traballou no Circo do Sol), mestre de pallasos (imparte cursos por todo o mundo) e creador da mellor web en español sobre tan fascinante mundo (http://www.clownplanet.com/).


O neno interior


O pallaso é o máis humano dos seres humanos porque, coma quere Ana María Matute (“o neno non é un proxecto de home, senón que o home é o que queda do neno que foi”), non matou o neno que leva dentro, segue sendo un neno. O pallaso, coma Xesús, deixa que os nenos se achéguen a el. O pallaso, coma Xesús, fíxose coma un neno. “Un pallaso é un neno zoupón de cero a doce anos”, dicíame noutra entrevista Adolfo Maguna, que leva máis de trinta anos sendo o pallaso Popín. “Os nenos de catro ou cinco anos e as persoas con síndrome de Down son clowns naturais?, explica nos seus cursos Eric De Bont, un dos principais mestres de clown de Europa, fundador dunha escola internacional en Eivissa. O pallaso, coma o neno, descobre cousas cada segundo e busca compartilas cos demais, facelos cómplices. O pallaso, di Jesús Jara no seu fermosísimo libro O clown. Un navegante das emocións, “é coma o neno que necesita que os seus pais participen constantemente da súa aprendizaxe e da súa constante evolución. “Mira, papá, mira o que fago... Mira, mamá, mira o que sinto... Mirade. Mirade e mirádeme: este son eu, isto emocióname, isto descubrín... Quero ir alá... Podo ir alá?”.


Por iso, calquera mestre de clown que se prece non cesa de repetir que cada un leva dentro un neno, un clown, e que se trata só de deixarmos saír ese neno, ese clown único e intransferíbel. “Sei un pallaso, se ti mesmo” é a consigna. O pallaso existe xa dentro dun mesmo, é un mesmo. Coma di o actor e director de cine italián Roberto Benigni, “o actor inventa ou interpreta un personaxe, mentres que o pallaso é el mesmo”. “O pallaso está dentro de cada un de nós. É cuestión de deixármolo saír, de botarmos abaixo os muros que edificamos para protexérmonos, de quitármonos as caretas que nos fomos pondo cos anos”, explica Navarro na súa web. “Sermos pallaso é deixarmos saír ao neno que levamos dentro, abrirmos a porta á tolemia interna, conectármonos cunha dimensión que sempre estivo aí. Un pallaso auténtico é aquel que non actúa, senón que é, que non se agocha detrás da careta da maquillaxe ou do nariz (se os leva)?”.


O pallaso é o máis humano dos seres humanos non só porque encerra nel o mellor dos homes, senón tamén porque é quen de sacar dos demais o mellor deles, de provocar que o saquen, coma expresa moi ben a seguinte anécdota do xenial Charly Rivel contada por Navarro: “Cando entrou na pista para principiar a súa actuación, un neno, que probabelmente vía un pallaso por primeira vez, comezou a chorar desesperadamente. Como o público estaba máis pendente do neno que do pallaso, Charly achegouse a el para facerlle unha garatuxa e tentar acougalo, pero o efecto foi o contrario. Charly, que coñecía profundamente a psicoloxía infantil, retirouse ao centro da pista e principiou tamén a chorar desconsoladamente, solidariamente. O neno calou de súpeto, cos ollos abertos como pratos pola sorpresa de descubrir que aquel ser vermello e amenazador sabía expresarse tamén coa mesma linguaxe tan transparente e directa: o choro. Sen deixar de chorar, Rivel achegouse outra vez o neno, que, xa acougado e mirándoo electrizado, quitouse o chupete da boca e deullo a Charly nun acto de solidariedade primixenia”.


A festa dos fracasos


O pallaso, coma o neno, está sempre alerta e dispoñíbel para participar, para imitalo todo, para tentar facelo todo por si. “Eu só, eu só!”, di o neno cando a súa nai quérelle axudar a realizar calquera cousa. “Eu só, eu só!”, di tamén o pallaso. Pero o pallaso, coma o neno, non sabe, trabúcase, cae, fracasa. “Benvidos á festa dos fracasos”, dilles sempre De Bont aos seus alumnos de clown. O pallaso amosa a poesía que hai no fracaso humano, nos defectos. Sostén un espello relativizador diante dos nosos ollos. “Oíches dicir que gañar está ben? Pois eu dígoche que perder tamén está ben. As batallas pérdense coa mesma dignidade coa que se gañan”, escribiu Mark Twain.


O pallaso, coma di De Bont, é “un barril de desesperación”: desesperación polos seus fracasos, porque non acerta a facer ben aquilo que se propón, e desesperación tamén pola súa procura desesperada da complicidade dos demais. O pallaso, coma o neno, fai da complicidade dos demais unha auténtica necesidade (“Mira, papá, mira o que fago... Mira, mamá, mira o que sinto”, como apuntaba Jara).


O fracaso non amedrenta o pallaso. Non o condena á inactividade nin moito menos a agocharse, a erguer un muro tras o que protexerse, a meterse dentro dunha coiraza. Non o retrae ou illa. Non o converte en antisocial ou individualista. O pallaso, coma o neno que se caeu, volve á carga con máis ímpeto, sempre a peito aberto, espido, transparente. O pallaso é transparente ata cando tenta agochar. Transparente e vulnerábel. A súa transparencia, a súa nudez fano vulnerábel. Unha transparencia, unha nudez das que dan fe os seus ollos, a súa mirada. “Os seus sentimentos escapan polos seus ollos coma o fume pola cheminea, de xeito natural, irrefreábel, case involuntario”, di Jara. “Se un clown non nos mira, non existe”, advirte. Unha mirada –segue o autor– que “é unha porta aberta para comunicar”; “un diario aberto a través do cal recibimos permanentemente información sobre as súas intencións, ilusións, experiencias, decepcións, medos, desexos”; “unha chiscadela de complicidade, unha invitación á confidencia”. “E perante esa nudez, perante tanta dignidade para amosarse, ao público só lle queda unha resposta, unha actitude: o respecto e a admiración”, sentencia Jara.


É este monumento á dignidade o que desprezamos cando tentamos descualificar alguén chamándoo pallaso.

Publicado na revista 'Ollo Público' de Vigo en 2009