domingo, 11 de diciembre de 2011

Islamismo moderado?

Con gallo das vitorias electorais dos islamistas en Exipto, Marrocos e Túnez, a prensa española vén falando do islamismo moderado e do papel que pode xogar nos vindeiros anos no Magreb. Mais eu pregúntome: hai un islamismo moderado? Pódeo haber?

Unha cousa é o islam –unha relixión– e outra o islamismo –unha ideoloxía, e coido que sempre totalitaria–. O que defenden os islamistas é o Estado teocrático, a confusión entre a relixión e a política coa primacía sempre da primeira. O islamismo é, xa que logo, unha ideoloxía totalitaria, coma o foron o nazismo, o fascismo, o estalinismo ou, aquí en España, o nacional-catolicismo. O catolicismo é unha relixión, mais o nacional-catolicismo de Franco era unha ideoloxía, e totalitaria.

Falar de islamismo moderado –témome– non ten sentido ningún. É coma falar dun nazismo moderado. Seica houbo nazis moderados? Quen sería un nazi moderado? Aquel que, en troques de avogar polo asasinato de seis millóns de xudeus, avogase “só” polo de tres?